Thursday 02 de May de 2024

O Concello de Fene reorganiza o tráfico nas inmediacións do Felicia Pop Festival desta fin de semana


O principal enlace co polígono desde Limodre terá habilitado só o carril de subida, mentres que o outro se reserva para aparcamento

Durante este venres e sábado, Limodre recupera o Felicia Pop entre rigorosas medidas preventivas que pasan por un aforo limitado a 400 asistentes -as entradas hai días que se esgotaron-, todas e todos sentados e en burbullas de non máis de 9 persoas. Polo demais, o festival manterá intacta a súa filosofía de cita “tranqui” no parque da Hortiña para escoitar o melloriño deste estilo, cun programa para o que nesta vixesima segunda edición a Asociación Felicia, promotora do evento, convidou a Los Mejillones Tigre, Brighton 64, Tinta, The Bo Dereks, Familia Caamagno, Los Hermanos Dalton, Lie Detectors, Los Chicos e Los Fusiles. Serán dúas xornadas ben intensas que requiren un grande esforzo organizativo e de coordinación, sobre todo en materia de tráfico. Neste sentido deseñouse un dispositivo especial que comezará este venres ás 19.00 e que se manterá até as 8.00h do domingo.

O máis destacado é o corte do tráfico de baixada na pista que enlaza o polígono do Vilar do Colo co parque da Hortiña (Rúa Forno), co obxectivo de reservar o carril dereito para aparcadoiro. A vía será só de subida desde as sete da tarde do venres até as oito da mañá do domingo, algo que estará debidamente indicado e sinalizado.

Desta maneira, as persoas con entrada que veñan desde o polígono non poderán atallar, senón que deberán coller a vía rápida Ares-Mugardos e saír na rotonda da Armada para tirar logo cara a Limodre. Iso si, cando marchen poderán subir polo carril libre da estrada regulada, que desemboca ao pé da base de Salvamento Marítimo.

O resto de accesos estarán abertos con normalidade, aínda que estará prohibido aparcar na rúa Campanario e en todo o trazado sen arcén do Camiño Grande, así como noutras pistas da zona. Para facilitar as cousas, a organización marcou a pista polideportiva de Limodre como espazo de estacionamento para autocaravanas e, nesa mesma zona, reservarase parte da beiravía como parada provisional de taxis. As acampadas acomodaranse no campo de fútbol, situado a escasos cen metros do festival.

O Concello colabora coa asociación Felicia no deseño do plan de regulación do tráfico e, ademais, durante os dous días a Policía Local patrullará a zona en distintos momentos para verificar o funcionamento do dispositivo, no que tamén botará unha man a agrupación local de Protección Civil. A esta cooperación loxística cómpre engadirlle a financeira, por medio dun convenio nominativo que achegará 10.000 euros para a celebración do evento musical.

Os concertos desenvolveranse ambos días no parque da Hortiña baixo un estrito protocolo anti-covid. Só se puxeron á venda 400 entradas e o público deberá permanecer sentado. Para facilitar as consumicións -hai punto de venda de bebida e comida- o espazo contará con mesas e cadeiras para grupos dun máximo de 9 persoas e a entrada e saída do recinto farase por puntos distintos.